Unha verdade amarga -Agradecementos-

IMG_6525[1].jpg

A publicación dunha novela é sempre un motivo de ledicia. O texto que acompañou durante moitos días, acaba por abandonar o niño á procura de lectores, de experiencias.

Unha verdade amarga non tería sido posible sen a colaboración de varias persoas que, dunha maneira ou outra, deixaron a súa pegada no resultado final da historia. É de xustiza recoñecer a súa xenerosa contribución.

Á miña nai que me contou unha conversa en torno a unha vella fotografía. Esa foi a semente da que naceu esta novela.

A Santi, a Celia e a María, sempre os meus primeiros lectores, polo seu apoio e tamén polas súas opinións que me axudaron a mellorar a historia.

Á miña prima Mabel, bonaerense e galega, que me prestou os ollos e as lembranzas e tamén varios documentos familiares que custodia como testemuño de amor aos que xa non están.

A Luís María Bragato, barítono baixo do Teatro Colón de Buenos Aires e cantor de tangos, cuxo disco Recién ahora me acompañou mentres escribía esta historia. O seu tango “Naranjo en flor” converteuse na banda sonora da vida de Aurelio Salgado.

Ao meu editor Francisco Castro, polo apoio e aposta decidida por esta historia, tamén polas atinadas correccións que a melloraron.

A Xulio Valcárcel, polas súas suxestións literarias e polas aclaracións da terminoloxía legal e outras precisións xurídicas imprescindibles.

A Xavier Alcalá, que me animou a continuar esta historia e me transmitiu valiosos consellos froito do seu talento e dilatada experiencia literaria.

A Miriam González Iglesias, amiga e compañeira, lectora atenta e entusiasta, polas intelixentes observacións realizadas.

E, sobre todo e de modo moi especial, a meu pai que desgraciadamente nos deixou hai un ano e que me legou unha morea de lembranzas felices, un modelo de conduta ante  a vida que me esforzo en imitar e tamén vellos recordos de familia, como a máquina Singer da avoa Amalia e outros obxectos que se fixeron presentes entre as páxinas desta historia.

A todos eles, o meu agradecemento.

Advertisements