
Nacín nas Eiras, no concello do Páramo, onde dei os primeiros pasos e as primeiras palabras. Crieime en Quiroga, no Val do Sil, a miña terra de adopción que segue sendo o meu paraíso.
Estudei o bacharelato en Monforte, no único instituto que daquela había e que hoxe leva o nome de Río Cabe. Son licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e en Filoloxía Hispánica pola USC, diplomada en Maxisterio pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, e diplomada en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura pola Universidade de Vigo.
Vivo en Ourense, onde exercín como profesora de lingua galega e literatura no IES As Lagoas. Fun profesora de “Didáctica da Lingua e Literatura Galega” na Facultade de Ciencias de Educación de Ourense e de “Ensino e aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida” no Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos.
Teño publicadas varias obras narrativas: Corte e confección (Editorial Galaxia, 2019), Unha verdade amarga (Editorial Galaxia, 2017), A boca do monte (Editorial Galaxia, 2016), Adeliña (I Premio Pura e Dora Vázquez, 2004) e Rugando (IX Premio Pura e Dora Vázquez, 2012), e as obras de teatro Cataventos e cia (-II Premio Barriga verde, 2004- Baía edicións), Velaí vai o papaventos (2014) e O castelo de Pena Redonda (-Premio de Teatro Infantil O Facho 2016-, Edicións Fervenza 2018), Unha estrela para Amina (-Premio de Teatro Infantil O Facho 2019, Editorial Galaxia, 2010). Son tamén autora de obras de ensaio e materiais didácticos (Edit. Anaya)
Soño con seguir xogando coas palabras e tecendo historias e mundos de ficción.
PREMIOS
Premio de Teatro Infantil O Facho 2019: Unha estrela para Amina.
Premio de Teatro Infantil O Facho 2016: O Castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna (Edicións Fervenza, 2019)
II Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (IGAEM, 2004): Cataventos e Cía. ou A verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta. (Baía edicións)
I Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” 2004: Adeliña (Deputación de Ourense).
IX Premio de Literatura Infantil e Juvenil “Pura e Dora Vázquez” 2012: Rugando (Deputación de Ourense)
Premio de contos Breogán do Centro Galego de Baracaldo (2007): “Un tango na noite” (inédito)
Finalista Premio Frei Martín Sarmiento 2016: A boca do monte (Editorial Galaxia, 2016)
One thought on “BIOGRAFÍA”
Os comentarios están pechados.