Flores literarias

Xa mediado o mes de abril aínda as camelias locen esplendorosas. Estas flores – “Luces no inverno galego”, en palabras de Cunqueiro-, fan a súa aparición nos meses fríos e, igual que azaleas e rododendros, prolongan a súa floración ata ben entrada a primavera. De orixe oriental, as tamén chamadas Rosas do Xapón son hoxe as flores galegas por excelencia. Asociámolas aos pazos e son presenza reiterada en parques e xardíns e beirarrúas. Protagonistas de concursos e exposicións, musas de poetas, modelo para acuarelistas (Conde Corbal, Alex Vázquez-Palacios, Alfonso Costa…), son tamén suxeito de ensaios sobre a súa presenza na literatura (Camelias de papel, Ana Santorun Ardone).
A dama das camelias de A. Dumas é seguramente a primeira obra literaria que nos vén á cabeza. Unha camelia branca (ás veces vermella) acompañaba sempre a Marguerite Gautier, xa que pola súa alerxia ao perfume das flores escollía unha sen fragrancia. A novela de Dumas ten varias versión cinematográficas e serviu de inspiración para a ópera A Traviata de Giuseppe Verdi.
Lembramos tamén de inmediato os versos do “Madrigal á cibdá de Santiago” de Federico García Lorca:
Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol”
E os de Ayako Sugitani en versión galega de Uxío Novoneyra:
“Camelio xaponés
o sorrir antigo
dos seus labios vermellos
respira a súa paz na Galicia, lonxe”.
E igualmente “A camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair” de Luz Pozo Garza (As arpas de Iwerddon) ou a “camelia e mirto” de Elena Villar Janeiro (Festa do corpo)
A camelia branca era tamén a flor preferida de Coco Chanel e emblema da súa marca. Marcel Proust levaba sempre unha na solapa e converteuna en tendencia de moda masculina. Hoxe a camelia inspira tamén xoias e perfumes.
Unha camelia branca representou en 1893 en Nova Zelanda, con Katherine W. Sheppart, a loita polo sufraxio feminino. Os partidarios levaban unha camelia branca; os contrarios, unha vermella. Nova Zelanda foi o primeiro país en recoñecer o dereito ao voto das mulleres.
Existe un exemplar de camelia “Rosalía de Castro”, “C. híbrida”, no Xardín de Camelias con Nome de muller do Castelo de Soutomaior ao carón das de a Bela Otero, Pardo Bazán, Xoana de Vega…