CHUCHAMEL ou CABRINFOLLO

FLORES LITERARIAS

Flores literarias

O termo chuchamel corresponde en galego a varias plantas de catro familias diferentes, similares na forma das flores e no sabor dóce que lembra o mel, de aí o nome.

Voume referir á Lonicera caprifolium ou Lonicera periclymenum, da familia da Caprifoliáceas, xénero Lonicera.

Este arbusto trepador de fermosas flores brancas e amarelas lixeiramente recendentes recibe en galego os nomes de Chuchamel, Cabrifollo/cabrinfolla, Herba salgueria, Bigorda…

En castelán coñécese como madreselva, chupamiel, caprifolio ou pata de cabra. En inglés: honeysuckle; chevrefeuille, en fránces; caprifoglio, en italiano; madresilva, en portugués; eztia, en euskera; madreselva, en catalán.

Esta flor protagoniza numerosas e interesantes referencias literarias. Eis algunhas::

“Chevrefoil” é un lai da poeta medieval do século XII Marie de France, considerada a primeira autora da literatura francesa. Consta de 118 versos e narra un episodio da historia de Tristán e Iseo. O amor entre eles era como o chuchamel, que medra agarrado á abeleira. Xuntos sobreviven, mais cando se separan os dous morren. “Bela amiga, así nos pasa: nin ti sen min, nin eu sen ti”, exclama Tristán.

Na mitoloxía grega, Daphne e Chloe só podían verse unha vez ao ano, cando o chuchamel florecía. Daphne pediulle aos deuses que prolongasen a floración para así poder pasar máis tempo xuntos. Eros concedeulle o desexo e por esta razón a planta florece continuamente durante a primavera e o verán.

O chuchamel tamén está presente no tango “Madreselva” de Gardel: https://youtu.be/gQIrPaWav2Y

Madreselvas en flor

que me vieron nacer

y en la vieja pared

sorprendieron mi amor,

tu humilde caricia

es como el cariño

primero y querido

que siento por el.

“Madreselva” é tamén o título da película do arxentino Luis César Amadori (1938), onde Libertad Lamarque interpreta o tango antes citado. https://youtu.be/YzNk28u5hL0

A flor da madreselva dá tamén título ao poema dramático en tres actos de Joaquín Álvarez Quintero (1931)

Tamén Castelao recorre ao chuchamel na obra teatral Os vellos non deben de namorarse.  Así lle canta o Portugués a Micaela, no lance II:

O celme que andas buscando,

ai, está no meu corazón.

Eu son como os chuchameles,

ai, ti es o meu abellón.

O chuchamel é considerado un símbolo de felicidade. A súa resistencia  representa o amor intenso e eterno.

CAMELIA

FLORES LITERARIAS

Flores literarias

Xa mediado o mes de abril aínda as camelias locen esplendorosas. Estas flores – “Luces no inverno galego”, en palabras de Cunqueiro-, fan a súa aparición nos meses fríos e, igual que azaleas e rododendros, prolongan a súa floración ata ben entrada a primavera. De orixe oriental, as tamén chamadas Rosas do Xapón son hoxe as flores galegas por excelencia. Asociámolas aos pazos e son presenza reiterada en parques e xardíns e beirarrúas. Protagonistas de concursos e exposicións, musas de poetas, modelo para acuarelistas (Conde Corbal, Alex Vázquez-Palacios, Alfonso Costa…), son tamén suxeito de ensaios sobre a súa presenza na literatura (Camelias de papel, Ana Santorun Ardone).  

A dama das camelias de A. Dumas é seguramente a primeira obra literaria que nos vén á cabeza. Unha camelia branca (ás veces vermella) acompañaba sempre a Marguerite Gautier, xa que pola súa alerxia ao perfume das flores escollía unha sen fragrancia. A novela de Dumas ten varias versión cinematográficas e serviu de inspiración para a ópera A Traviata de Giuseppe Verdi. 

Lembramos tamén de inmediato os versos do “Madrigal á cibdá de Santiago” de Federico García Lorca:

Chove en Santiago

meu doce amor.

Camelia branca do ar

brila entebrecida ao sol”

E os de Ayako Sugitani en versión galega de Uxío Novoneyra:

“Camelio xaponés

o sorrir antigo

dos seus labios vermellos

respira a súa paz na Galicia, lonxe”. 

E igualmente “A camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair” de Luz Pozo Garza (As arpas de Iwerddon) ou  a “camelia e mirto” de Elena Villar Janeiro (Festa do corpo)

A camelia branca era tamén a flor preferida de Coco Chanel e emblema da súa marca. Marcel Proust levaba sempre unha na solapa e converteuna en tendencia de moda masculina. Hoxe a camelia inspira tamén xoias e perfumes.

Unha camelia branca representou en 1893 en Nova Zelanda, con Katherine W. Sheppart, a loita polo sufraxio feminino. Os partidarios levaban unha camelia branca; os contrarios, unha vermella. Nova Zelanda foi o primeiro país en recoñecer o dereito ao voto das mulleres.

Existe un exemplar de camelia “Rosalía de Castro”, “C. híbrida”, no Xardín de Camelias con Nome de muller do Castelo de Soutomaior ao carón das de a Bela Otero, Pardo Bazán, Xoana de Vega…