CHUCHAMEL ou CABRINFOLLO

FLORES LITERARIAS

Flores literarias

O termo chuchamel corresponde en galego a varias plantas de catro familias diferentes, similares na forma das flores e no sabor dóce que lembra o mel, de aí o nome.

Voume referir á Lonicera caprifolium ou Lonicera periclymenum, da familia da Caprifoliáceas, xénero Lonicera.

Este arbusto trepador de fermosas flores brancas e amarelas lixeiramente recendentes recibe en galego os nomes de Chuchamel, Cabrifollo/cabrinfolla, Herba salgueria, Bigorda…

En castelán coñécese como madreselva, chupamiel, caprifolio ou pata de cabra. En inglés: honeysuckle; chevrefeuille, en fránces; caprifoglio, en italiano; madresilva, en portugués; eztia, en euskera; madreselva, en catalán.

Esta flor protagoniza numerosas e interesantes referencias literarias. Eis algunhas::

“Chevrefoil” é un lai da poeta medieval do século XII Marie de France, considerada a primeira autora da literatura francesa. Consta de 118 versos e narra un episodio da historia de Tristán e Iseo. O amor entre eles era como o chuchamel, que medra agarrado á abeleira. Xuntos sobreviven, mais cando se separan os dous morren. “Bela amiga, así nos pasa: nin ti sen min, nin eu sen ti”, exclama Tristán.

Na mitoloxía grega, Daphne e Chloe só podían verse unha vez ao ano, cando o chuchamel florecía. Daphne pediulle aos deuses que prolongasen a floración para así poder pasar máis tempo xuntos. Eros concedeulle o desexo e por esta razón a planta florece continuamente durante a primavera e o verán.

O chuchamel tamén está presente no tango “Madreselva” de Gardel: https://youtu.be/gQIrPaWav2Y

Madreselvas en flor

que me vieron nacer

y en la vieja pared

sorprendieron mi amor,

tu humilde caricia

es como el cariño

primero y querido

que siento por el.

“Madreselva” é tamén o título da película do arxentino Luis César Amadori (1938), onde Libertad Lamarque interpreta o tango antes citado. https://youtu.be/YzNk28u5hL0

A flor da madreselva dá tamén título ao poema dramático en tres actos de Joaquín Álvarez Quintero (1931)

Tamén Castelao recorre ao chuchamel na obra teatral Os vellos non deben de namorarse.  Así lle canta o Portugués a Micaela, no lance II:

O celme que andas buscando,

ai, está no meu corazón.

Eu son como os chuchameles,

ai, ti es o meu abellón.

O chuchamel é considerado un símbolo de felicidade. A súa resistencia  representa o amor intenso e eterno.