
A desprotección da infancia
En Erica e i suoi fratelli (1936) Elio Vittorini presenta unha historia terrible protagonizada por unha rapaza que, consciente da extrema pobreza da súa familia, teme que os seus pais abandonen no bosque a ela e aos irmáns, como lle sucedeu ao Polgariño do conto, e por iso anda sempre con pedriñas nos petos.
Suzanne Lebeau realiza na peza teatral Gretel y Hansel unha recreación do conto tradicional. Os dous irmáns saben o que é non ter nin unha faragulla de pan na paneira, e o engano de recoller leña no bosque para quentarse, e o frío da noite no bosque, e o medo, e as bágoas
Cando os seus temores se cumpran, Erica -como Gretel- deberá ocuparse de salvarse a si mesma e os irmáns. Despois de moitas penalidades, finalmente comprende que o único medio de que dispón é o seu propio corpo. Fronte ao egoísmo, a violencia e a crueldade dos adultos, Erica amósase orgullosa de ser quen de gañar por si mesma os cartos que precisan para sobreviviren.